Na reunión desta semana rematamos os libros do club de igualdade do mes de novembro e resultaron ben proveitosos.
1.º e 2.º ESO leron Esto no es amor, de Marina Marroquí, e o alumnado manifestou que lles encantaran os retos que lles propuxo a autora para ir desmontando os mitos do amor romántico (disque están por todos os lados: películas, series, cancións...), os estereotipos de xénero nas relacións e como poden levar a situacións de abuso, a diversidade sexo-afectiva e moitas outras cuestións. Desde logo, saímos sabendo máis e tendo as cousiñas un pouco máis claras sobre estes aspectos.
3.º, 4.º e 1.º Bach. leron, Si es amor, no duele, unha obra testemuño de
Pamela Palenciano sobre as relacións de abuso na adolescencia. O caso é que as rapazas comentaron que lles resultara duro de ler e que xerara certa incomodidade. Cando analizamos esas sensacións chegamos á conclusión de que se debía ao feito de que esa situación lle podía acontecer a calquera delas ou a calquera muller nunha situación de vulnerabilidade, e que daba medo. Tamén analizamos cal podería ser o xeito correcto de actuar no caso de que lle acontecese a unha amiga, e non parecía ser unha opción deixala de lado, tal e como acontecía no libro coa protragonista. O certo é que a pesar da incomodidade, xerou moita reflexión e autoanálise e a convicción de que hai que estar atentas a certos sinais de alarma nas relacións. Concluimos, pois, que o trago acedo pagara a pena.
Que marabilla estar con eles e elas e ter a oportunidade de escoitar as súas opinións e reflexións!
Continuamos no mes de decembro cunha obra de Nando López.
Ningún comentario:
Publicar un comentario