luns, 8 de abril de 2024

Roteiro ao Pazo de Meirás e A Coruña de Luísa Villalta

O pasado martes 2 de abril, o alumnado dos Clubs de Lectura de Narrativa e Igualdade desfrutou dunha visita guiada ao Pazo de Meirás despois de ter lido a obra de Eva Mejuto, A ladroa da biblioteca de Meirás. A visita foi realizada grazas ao Concello de Sada e á Deputación da Coruña, quen facilita as guías de xeito gratuito. Soubemos así da historia deste lugar, que pertenceu nun primeiro momento a dona Emilia Pardo Bazán e pasou despois, xa en ditadura, a mans da familia Franco, tal e como se relata tamén na novela de Eva Mejuto.

Pola tarde, os alumnos e alumnas realizaron un roteiro pola cidade de A Coruña acompañados pola escritora Eli Ríos, que os guiou polos espazos nos que discorreu a vida e a obra de Luísa Villalta, escritora, filóloga e violinista galega á que se lle adica o Día das Letras Galegas neste ano 2024. Ninguén mellor que Eli Ríos para levar a cabo este labor, xa que é coautora do libro Alma de violino, biografía de Luísa Villalta, obra da que o alumnado leu parágrafos significativos. Tiñan xa coñecemento desta escritora por ter lida a biografía editada por Xerais Melodía de palabras, feita por María Canosa.

O noso alumnado foi acompañado nesta xornada literaria polo Club de Lectura do IES Sánchez Cantón (Nube de palabras) e a súa coordinadora, Anxos Rial. É grazas á súa xenerosidade que puidemos facer esta viaxe de xeito gratuíto, pois correron con todos os gastos do transporte. Moitas grazas!










Ningún comentario: