Comprobado científicamente. Nisto das afeccións e vocacións hai graos. A algúns lles gusta o que fan, a outros lles entusiasma e a uns cantos lles volve tolos. Como a The Big Van (Van de furgoneta) Theory, eses tolos científicos sobre rodas, que de cando en vez saen dos seus laboratorios, onde semellan ser xente seria, e percorren a xeografía para contar a través de monólogos moitas cousas interesantes relacionadas con diferentes campos da ciencia.
O xoves 25 de febreiro asistimos na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ao seu espectáculo locosxciencia, cuxo obxectivo é que os mozos se enganchen á ciencia. Pois alí enganchámonos todos, novos e non tan novos, polo menos durante 90 minutos. E canto rimos e canto aprendemos con Helena González, Alberto Vivó, Javier Santaolalla e Oriol Marimón, todos eles tolos, tolísimos pola ciencia.
Helena tranquilizounos dicindo que non todo está escrito no xenoma, que hai espazo para a peculiaridade, a diferenza, o cambio, porque existe iso que se chama epigenética (agrupacións de ADN que se van desplazando).
Oriol escenificou a importancia da transmisión de comunicación no proceso evolutivo. Non serve de nada descubrir algo tan importante como o lume se non o podemos ensinar aos nosos colegas de grupo. Que foi o que lle pasou, según Oriol, ao homo habilis.
Oriol Marimón facendo de homo habilis |
Oriol Marimón no proceso de transformación de Paola e Silvia en homo (mulier) habilis |
E Javier, para mágoa dalgunha, puxo un panorama máis oscuro que os dos buracos negros a aqueles que tiveran a esperanza de entrar en contacto con seres doutras galaxias.

E se queredes saber máis deles ou de ciencia, visitade a súa páxina web
Ningún comentario:
Publicar un comentario