O noso club de lectura tivo a oportunidade de vivir unha experiencia moi especial coa visita de Xesús Constela, autor da novela O peso do cerebro, obra que previamente lemos.
Durante o encontro, o escritor e ex-profesor do noso instituto achegounos ao proceso de creación da novela, explicándonos como xurdiu a historia e como foi construíndo os seus personaxes e escenarios. Foi especialmente interesante descubrir que moitos dos episodios e situacións que aparecen no libro están inspirados en vivencias reais, así como coñecer que algúns dos personaxes teñen a súa orixe en persoas próximas ao autor e á súa propia familia.
Xesús Constela tamén nos falou da importancia do Ferrol dos estaleiros como escenario da novela. A cidade que o viu nacer, a súa historia industrial, o ambiente obreiro e a pegada da construción naval convértense nun elemento esencial da narración, dotándoa dunha grande autenticidade e forza.
Os asistentes tivemos ocasión de formular preguntas, compartir as nosas impresións sobre a lectura e dialogar co autor sobre diferentes aspectos da obra. Foi un encontro moi enriquecedor que nos permitiu comprender mellor a novela e descubrir todo o que hai detrás das súas páxinas.
Queremos agradecer a Xesús Constela a súa proximidade, a xenerosidade coas súas explicacións e o tempo compartido connosco. Sen dúbida, foi unha experiencia inesquecíbel que reforzou o noso gusto pola lectura e nos permitiu achegarnos dun xeito máis directo ao proceso creativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario