martes, 20 de xaneiro de 2026

Encontro con Arantza Portabales: descubrindo os segredos de "Asasinato na casa rosa"

 


Despois da lectura de Asasinato na casa rosa, o club de lectura de Narrativa Galega celebrou no mes de novembro unha primeira reunión na que compartimos impresións, analizamos a trama e debatemos sobre os personaxes, os seus conflitos e o sorprendente desenlace da novela.

Hoxe tivemos a fortuna de recibir a visita da súa autora, Arantza Portabales, nun encontro que puxo o broche de ouro a esta lectura.

A presenza da escritora permitiunos resolver de primeira man moitas das cuestións que xurdiran durante o noso primeiro debate. Ao longo da conversa, Arantza explicou como naceu a historia, o proceso de creación dos personaxes e as decisións narrativas que foi tomando para manter a intriga ata o final. Tamén compartiu connosco curiosidades sobre a escritura da novela e respondeu con gran proximidade a todas as preguntas formuladas polas persoas asistentes.

Entre as moitas curiosidades que compartiu connosco, revelou o motivo polo que decidiu chamar Loeiro ao lugar onde transcorre boa parte da acción, en lugar de empregar o nome real de Lodeiro. Tamén nos descubriu que algúns dos espazos que aparecen na obra son lugares creados pola súa imaxinación ou combinacións de escenarios reais, o que explica que durante a nosa primeira reunión non fósemos quen de situalos con exactitude.

Este diálogo permitiunos volver sobre a novela con outra mirada e apreciar mellor os seus matices, os xogos narrativos e a coidada construción da historia.

Agradecemos a Arantza Portabales a súa cercanía, a xenerosidade coas súas explicacións e a disposición para responder a todas as preguntas formuladas polos membros do club. 

 




 

Ningún comentario: