O venres 8 de Abril Xosé Neira Vilas pechou os Encontros do plan de mellora de bibliotecas escolares, que tiveron lugar en Santiago os días 7 e 8. O autor de Memorias dun neno labrego falou da súa relación cos libros e coa lectura. E coma Balbino, tirou da súa memoria para contar, nun tono distendido e amable, dende o esforzo que tiña que facer para chegar á escola (8 kilómetros de distancia a separaban da súa casa) ata a importante labor que fai a actual Fundación Neira Vilas polo fomento da lectura.
Polo camiño mostrou o seu interese por difundir o libro galego por toda América, que lle levou a fundar en Arxentina, xunto coa súa compañeira Anisia, unha distribuidora, Follas Novas. Confesou que emigrou a Arxentina "en certo sentido, para achegarse aos libros". En Cuba foi redactor da revista infantil Zunzún, da que mostrou entusiasmado un volume. Lembrou anécdotas que nos fixeron rir e tamén emocionar.Neira Vilas comezou dicindo que non sabía moi ben que facía el nos Encontros. Seguramente o sabía e nós tamén. Dende a súa infancia tivo unha relación moi estreita cos libros e coas bibliotecas. A sede da súa Fundación atópase na casa onde naceu, onde descubreu a escrita e onde agochaba libros baixo as tellas. Herdouna dos seus pais e doouna xenerosamenta á Xunta de Galicia coa única condición de que fose utilizada como bilioteca pública. E así é. Ten 230 usuarios rexistrados e a ela acoden lectores de todas as idades dende unha distancia de ata dez quilómetros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario