Comeza a andaina do novo blog da biblioteca. Chámase Bibliototem porque 9 totems a protexen. O material de que están feitos son os vellos caneiros do instituto, que botaran ao claustro os obreiros que facían a reforma do tellado. Non podían quedar convertidos en mera ferralla porque por eles fluíu durante 23 anos a auga da chuvia e con ela moitas historias, sentimentos, ilusións, proxectos....Agora nos serven de testemuño e de inspiración.



lunes, 23 de febrero de 2015

Encontros en Negro con Dolores Redondo, Pedro Feijoo e Domingo Villar






Nun mesmo escenario (que non do crime), nunha mesma mesa (que non de anatomía forense), o pasado mércores de cinza ( que non dun finado) coincidiron Dolores Redondo, Pedro Feijoo e Domingo Villar. Foron invitados por Pedro Iturburuza, responsable da biblioteca do IES Torente Ballester (o Quinto) para falar de Novela negra. 

Encontros en negroque así se titulaba o acto, estivo cheo de emocións, risas, humor, interese e sorpresas. A primeira foi que ningún dos autores -vaia!- calificaba a súa obra exactamente como novela negra.  
Dolores Redondo afirmou non atoparse dentro das "marxes"  da novela negra, xa que na literatura os límites están para ser traspasados. Para Domingo Villar, a súa novela, máis que negra, aínda que tamén, é novela social. E Pedro Feijoo bromeou co seu convite a falar de algo co que non tiña moito que ver.

Tamén coincidiron na idea de que a esencia da “novela negra” -se é que as súas son desta cor-  é o caos que xera o crime ou os crimes que nela se relatan. Estas situacións de caos acaban por afectar a moitas persoas, relacións, afectos, sentimentos… pero a novela negra te tamén a recompensa  de recuperar un orden final.

“Nunca houbo para min folio en branco”. Así respondía Dolores Redondo á pregunta de cándo é cómo da inicio ás súas novelas. A autora dixo non sentarse a escribir ata ter a historia completa. O longo e complexo proceso require dunha elaboración interior. E explicouno cunha metáfora. “Imaxino un mundo interior no que caen sementes de todo o que me rodea. Algunha desas sementes arraiga e convértese nunha planta. Entón teño conciencia dunha idea inicial. Logo vexo que crece a planta. Vou sabendo cousas coma se mas soprase ao oído. Cando a planta xa creceu e é como unha árbore, entón escribo a novela”. Este é o proceso de creación, o máis importante: logo ven a rutina de escribir.
Algo parecido ocórrelle a Pedro Feijoo que non escribe unha soa páxina ata que non sabe como acaba a historia: “Necesito estruturas, un mapa de estradas para empezar a escribir”. E, ás veces, cando dubida qué camiño seguir, qué palabra escoller, qué frase podería dar comezo a un novo capítulo o comenta coa súa parella Marta, sempre disposta a escoitar. Cada vez que falaba Pedro Feijoo, víñaseme á cabeza a imaxe de Simón Varela, protagonista de Os fillos do mar. Creo que neste personaxe hai moito do autor.
Moi diferente é o esquema de traballo de Domingo Villar. Aínda que tamén necesita contar coa idea xeral, non ten conciencia completa do que vai pasar. É máis o estímulo do descoñecido o que lle anima a escribir.

Pois ben, entre bromas, risas e demais licenzas coñecemos que Dolores Redondo utiliza ao seu home para simular os crimes das súas novelas. O seu perfeccionismo esíxelle que as accións sexan cribles. Por iso ensaia “sen levalas ao límite". Descubrimos tamén que os nomes dos personaxes das novelas de Domingo Villar son en moitos casos os dos seus compañeiros de estudos e mesmo algunhas das escenas “ transcorren” en vivendas de amigos e familiares.

E como colofón os tres falaron das súas próximas creacións e incluso adiantaron algún detalle, pero reservámonolo para manter a curiosidade e a expectativa, sobre todo pola de Domingo Villar, que xa vai sendo hora.

Na biblioteca atoparedes as obras destes autores e no blog comentarios sobre algunhas delas. Algúns deses libros levan a sinatura dos autores e están dedicados a vós.




No hay comentarios: