Día das bibliotecas escolares
As bibliotecas escolares
de Galicia queren suliñar o importante papel que desempeñan as bibliotecas para
a realización desa actividade intelectual que chamamos pensar. De aí o lema do
cartel: “Aprender a pensar coa biblioteca escolar”, ilustrado por Xosé Tomás.
"Aprender a
pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da
poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación
científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa
música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas
actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun
profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén,
da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o
pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra
das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca
escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade
de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos
fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á
complexidade que lle toca vivir".
Ningún comentario:
Publicar un comentario