Amosando publicacións coa etiqueta Club de Lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de Lectura. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de xuño de 2026

Un almorzo para compartir lecturas e despedir o curso

 

Para pór o ramo ao curso 2025-2026, os diferentes clubs de lectura do IES A Xunqueira II reunímonos nun almorzo de convivencia que serviu para celebrar un ano cheo de libros, encontros e experiencias compartidas.

 
Foi unha xornada distendida na que alumnado e profesorado puidemos conversar, lembrar as lecturas realizadas ao longo do curso, comentar os encontros cos autores e autoras que nos acompañaron e compartir as vivencias que cada club foi acumulando nestes meses. Máis alá dos libros, este almorzo converteuse nun espazo para fortalecer os lazos entre os distintos grupos e para celebrar o gusto pola lectura como punto de encontro.

Nesta ocasión botamos en falta a presenza das familias, que este curso se incorporaron ao club de lectura e enriqueceron coa súa participación moitas das actividades desenvolvidas. Por desgraza, os seus compromisos laborais impediron que puidesen acompañarnos neste momento de despedida. Agardamos poder compartir con elas novas xornadas de convivencia no vindeiro curso.

 
Así mesmo, queremos pedir desculpas por ter que organizar esta actividade en horario lectivo. As circunstancias organizativas do centro fixeron que esta fose a opción máis viábel para poder reunir a todos os clubs de lectura e pechar conxuntamente un curso tan intenso e proveitoso.

A lectura é unha experiencia que medra cando se vive en compañía.

Agora toca descansar, recargar forzas e encher a mochila de novas lecturas para volver o próximo curso con máis ilusión, curiosidade e ganas de seguir compartindo libros. Lembrade que a Biblioteca conta cun servizo de empréstimos para o verán!!!


 

xoves, 21 de maio de 2026

 

O club de lectura de Narrativa Galega tivo o privilexio de compartir un encontro con Inma López Silva para conversar sobre a súa novela Escola de mulleres, unha obra que deu lugar a un intenso e enriquecedor debate entre as persoas participantes.

 

A autora mostrouse moi próxima e accesíbel durante toda a sesión, respondendo con detalle a todas as preguntas e aclarando os pormenores da novela. As súas explicacións permitíronnos comprender mellor as motivacións da protagonista, as decisións que marcan o seu percorrido vital e o proceso creativo que hai detrás da historia.

Foi especialmente interesante coñecer as razóns que levaron a López Silva a situar a protagonista no mundo da prostitución, unha escolla plenamente consciente e ao servizo da reflexión que a novela propón sobre a sociedade contemporánea. A autora explicou como este contexto lle permitía abordar cuestións complexas relacionadas co poder, a liberdade, o desexo, a identidade e as contradicións que atravesan a vida das mulleres.

 Escola de mulleres preséntase como unha novela moi ben escrita, culta e intelixente, na que conviven a reflexión filosófica, a riqueza literaria e unha fonda crítica social. A través da súa protagonista, a autora interpela o lector sobre cuestións como o peso do patriarcado, a saúde mental, as relacións de poder e as dinámicas que se estabelecen no ámbito universitario, ofrecendo unha mirada incisiva e ao tempo chea de matices.

A sinceridade e a cercanía de Inma López Silva converteron este encontro nunha experiencia especialmente gratificante para o noso club de lectura. As súas explicacións permitíronnos redescubrir a novela desde novas perspectivas e confirmar a riqueza dunha obra que convida á reflexión e ao debate moito máis alá da súa última páxina.

Queremos agradecer á autora a súa dispoñibilidade, a xenerosidade coas súas respostas e o tempo compartido connosco. Foi un encontro inesquecíbel que completou dunha maneira excepcional a lectura de Escola de mulleres.


 

venres, 20 de marzo de 2026

Relatórios en podcasts - Club de lectura Português

 

Depois de terminarmos a lectura de A Viúva e o Papagaio, de Virginia Woolf, e de A Fada Oriana, de Sophia de Mello Breyner Andresen, chegou o momento de compartir impresións a través da gravación de podcasts.

Organizados en pequenos grupos, as alumnas e os alumnos conversaron sobre as historias, compartiron impresións e reflexionaron sobre os personaxes, os valores presentes nas obras e as mensaxes que lles transmitiron. Ao longo da gravación, intercambiaron opinións, formularon preguntas entre eles e defenderon os seus puntos de vista nun ambiente participativo, colaborativo e moi enriquecedor.

A actividade desenvolveuse con moito entusiasmo e permitiulles pór en práctica non só a comprensión das lecturas, senón tamén a expresión oral en lingua portuguesa, a capacidade de argumentación e a escoita activa. Cada podcast converteuse nun espazo de diálogo no que a lectura serviu como punto de partida para compartir ideas, emocións e reflexións.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, que demostra, unha vez máis, que os libros son unha excelente oportunidade para aprender, comunicarse e gozar da lectura en compañía. Parabéns a todo o alumnado pola súa implicación, creatividade e excelente traballo!





mércores, 18 de marzo de 2026

Visita ao Salón do Libro 2026 de Pontevedra


 

Esta semana tivemos a oportunidade de participar en distintas actividades organizadas polo Salón do Libro de Pontevedra, un espazo de encontro arredor dos libros, a creación e a cultura.

O luns, 16 de marzo, unha representación dos diferentes clubs de lectura asistiu á xornada de convivencia dos clubs de lectura da provincia. Foi unha ocasión magnífica para coñecer alumnado doutros centros, compartir experiencias e descubrir novas propostas lectoras. Cada grupo presentou o seu club, explicou como desenvolve as súas actividades e recomendou algunhas das lecturas que máis o marcaron ao longo do curso. 

A xornada completouse cun agasallo moi especial por parte da organización do Salón: unha charla-concerto do cantante Mondra, que conquistou aos asistentes coa súa proximidade, as súas recomendacións lectoras e unha proposta musical que mestura tradición e modernidade. Foi un peche perfecto para un día cheo de lecturas, convivencia e cultura.

 

Dous días despois, o mércores 18 de marzo, foi a quenda do alumnado do club de banda deseñada e manga, que visitou no Pazo da
Cultura a exposición dedicada á obra
Idol!, creada por Alba Chan e Ene, gañadoras do V Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada (2023).

A exposición permitiunos achegarnos ao proceso creativo das autoras, descubrir os orixinais da obra e coñecer de preto o traballo que hai detrás da creación dunha banda deseñada. Foi unha experiencia moi enriquecedora para todas as afeccionadas/os ao manga e á novela gráfica, que puideron apreciar con outros ollos o valor artístico e narrativo deste medio.

 




 

martes, 3 de marzo de 2026

Virtudes (e misterios). Encontro virtual co autor Xesús Fraga.


O club de lectura de adultos tivo o privilexio de manter un encontro virtual con Xesús Fraga para conversar sobre Virtudes (e misterios), unha novela que emociona pola súa delicadeza, a súa fondura e a fermosa maneira de contar unha historia familiar que se converte tamén na historia de tantas persoas emigrantes.

Ao longo da conversa, o autor explicou como naceu esta obra inspirada na vida da súa avoa, Virtudes, e como foi reconstruíndo a memoria familiar a partir de recordos, documentos e investigación. Cunha narrativa coidada e perfectamente enfiada, a novela mergúllanos de cheo na dura vida da protagonista, marcada pola emigración, o esforzo, os sacrificios e a loita constante por saír adiante sen perder nunca a dignidade nin a esperanza.

Xesús Fraga compartiu connosco algunhas das anécdotas que se agochan detrás da escrita do libro, revelando detalles do proceso de documentación e das emocións que acompañaron a recuperación desta historia familiar. As súas explicacións permitíronnos comprender mellor a dimensión humana da obra e valorar aínda máis a importancia da memoria como patrimonio colectivo.

O encontro desenvolveuse nun ambiente moi próximo e cordial. Agradecemos a Xesús a súa dispoñibilidade e a xenerosidade coa que compartiu as súas vivencias e o seu proceso creativo. 

 



 


 

martes, 20 de xaneiro de 2026

Encontro con Arantza Portabales: descubrindo os segredos de "Asasinato na casa rosa"

 


Despois da lectura de Asasinato na casa rosa, o club de lectura de Narrativa Galega celebrou no mes de novembro unha primeira reunión na que compartimos impresións, analizamos a trama e debatemos sobre os personaxes, os seus conflitos e o sorprendente desenlace da novela.

Hoxe tivemos a fortuna de recibir a visita da súa autora, Arantza Portabales, nun encontro que puxo o broche de ouro a esta lectura.

A presenza da escritora permitiunos resolver de primeira man moitas das cuestións que xurdiran durante o noso primeiro debate. Ao longo da conversa, Arantza explicou como naceu a historia, o proceso de creación dos personaxes e as decisións narrativas que foi tomando para manter a intriga ata o final. Tamén compartiu connosco curiosidades sobre a escritura da novela e respondeu con gran proximidade a todas as preguntas formuladas polas persoas asistentes.

Entre as moitas curiosidades que compartiu connosco, revelou o motivo polo que decidiu chamar Loeiro ao lugar onde transcorre boa parte da acción, en lugar de empregar o nome real de Loira. Tamén nos descubriu que algúns dos espazos que aparecen na obra son lugares creados pola súa imaxinación ou combinacións de escenarios reais, o que explica que durante a nosa primeira reunión non fósemos quen de situalos con exactitude.

Este diálogo permitiunos volver sobre a novela con outra mirada e apreciar mellor os seus matices, os xogos narrativos e a coidada construción da historia.

Agradecemos a Arantza Portabales a súa cercanía, a xenerosidade coas súas explicacións e a disposición para responder a todas as preguntas formuladas polos membros do club. 

 




 

venres, 21 de novembro de 2025

1ºEncontro Club de Lectura Teatro Galego

Este venres celebramos a primeira xuntanza do Club de Lectura de Teatro Galego, unha nova iniciativa que reúne alumnas de 3º da ESO e 2º de Bacharelato arredor da lectura e do interese polo teatro en lingua galega.

Neste primeiro encontro, as participantes tiveron a oportunidade de presentarse, compartir os seus gustos lectores e conversar sobre o papel do teatro como forma de expresión artística e social. Ademais, dedicamos a sesión a escoller as lecturas que nos acompañarán durante as próximas semanas.

O ambiente foi moi participativo e enriquecedor, cun intercambio de ideas moi interesante entre alumnas de diferentes idades e etapas educativas. A ilusión, a curiosidade e as ganas de descubrir novas historias estiveron presentes desde o primeiro momento.

Con este club buscamos non só fomentar a lectura en galego, senón tamén achegar o alumnado ao mundo do teatro, e mesmo á interpretación, pois intentaremos empregar a radio do insti para gravar algunha escea.

xoves, 13 de novembro de 2025

Conversa ao redor de "Asasinato na casa rosa", de Arantza Portabales

 

O noso club de lectura celebrou o primeiro encontro deste curso académico arredor da novela Asasinato na casa rosa, de Arantza Portabales.

Esta sesión tivo, ademais, un significado especial, xa que neste segundo ano de creación do club incorporáronse por primeira vez as nais ao grupo de lectura. A súa participación contribuíu a facer aínda máis enriquecedor o diálogo e a compartir novas perspectivas sobre a obra.

Ao longo do encontro, os participantes falamos e opinamos sobre a novela, comentando os aspectos que máis nos chamaron a atención, a construción da trama, os personaxes e o desenvolvemento da investigación. Tamén respondemos ás cuestións propostas, que nos permitiron afondar nos temas tratados na obra e favorecer un interesante intercambio de impresións.

Foi unha sesión moi participativa, na que quedou patente que cada lector e lectora interpreta a historia desde unha óptica diferente, enriquecendo así a experiencia compartida da lectura.

Agradecemos a asistencia e a implicación de todas as persoas participantes e agardamos con ilusión os vindeiros encontros do club de lectura.

 




 

venres, 7 de novembro de 2025

Club de lectura en portugués

O club de lectura de portugués continúa lendo.

O Club de Lectura de Portugués segue avanzando con novas lecturas e descubrimentos. Nas últimas sesións, o alumnado compartiu impresións sobre diferentes libros en lingua portuguesa, comentando personaxes, historias e temas que lles pareceron máis interesantes.

Ademais, realizáronse pequenas gravacións nas que cada integrante do club explicou a súa opinión persoal sobre a lectura realizada, recomendando libros e destacando os aspectos que máis lle gustaron.

A través destas actividades, o grupo continúa mellorando a comprensión do portugués e achegándose á cultura lusófona dun xeito dinámico e creativo.

 

------- --------- ------------------ 

O clube de leitura de português continua a ler

O Clube de Leitura de Português continua a avançar com novas leituras e descobertas. Nas últimas sessões, os alunos partilharam opiniões sobre diferentes livros em língua portuguesa, comentando personagens, histórias e temas que acharam mais interessantes.

Além disso, foram feitas pequenas gravações nas quais cada participante do clube deu a sua opinião pessoal sobre a leitura realizada, recomendando livros e destacando os aspetos de que mais gostou.

Através destas atividades, o grupo continua a melhorar a compreensão do português e a aproximar-se da cultura lusófona de uma forma dinâmica e criativa.

 

  

 

 

sábado, 4 de outubro de 2025

Club de Lectura Adultos, medrando en comunidade.

 Benvida aos clubs de lectura!

  Comezamos xa co Club de Lectura de Adultos de Narrativa Galega!

Este curso, o Club de Lectura de Narrativa Galega da nosa escola deu un paso moi especial: a incorporación das familias. Esta iniciativa nace co obxectivo de crear vínculos entre familias e profesorado a través da lectura, compartindo historias, emocións e momentos de encontro arredor dos libros. Contribúe tamén a fomentar o gusto pola lectura e o valor da literatura galega como parte da nosa cultura e identidade.

A lectura compartida é unha excelente oportunidade para conversar, reflexionar e coñecernos mellor. As novelas convértense así nun punto de partida para intercambiar opinións, descubrir novas perspectivas e fortalecer a relación entre a escola e as familias.

Grazas a todas as familias que decidiron formar parte desta aventura lectora! E tamén grazas a aquelas que non puideron formar parte ao quedar fóra do límite de participantes.

 

mércores, 18 de xuño de 2025

Conversa con Miriam Couceiro

Tras a lectura de De dióxido e diamantes, de Miriam Couceiro Castro, o club de lectura do profesorado mantivo unha conversa coa autora ao redor do seu libro. Foi unha tarde agradábel onde a autora respondeu con detalle a cada unha das cuestións e determinadas opinións das súas lectoras e lectores. 

Grazas a Miriam pola súa amabilidade e tempo, e á editorial Galaxia pola colaboración. 




venres, 4 de abril de 2025

Encontro con Miguel Porto

 Na mañá de hoxe o alumnado de 2 ESO asistiu, dentro da programación do Salón do libro, a un encontro con Miguel Porto, ilustrador de Subnormal e profe de BD no Garaxe hermético. Contounos o proceso de xestación da obra e do seu papel como ilustrador dunha historia real tan intensa, e explicounos o porqué dos planos, das cores, da disposición das viñetas... Aprendemos un montón sobre lectura visual! E o mellor de todo, como tod@s leramos o libro no IES, encantounos coñecer de primeira man o traballo creativo que hai detrás dunha BD. Grazas a Miguel pola súa cercanía e ao Salón por prepararnos actividades tan molonas!




venres, 28 de marzo de 2025

Encontro de Clubs de Lectura de Pontevedra

 E seguimos no Salón do Libro

Esta mañá, no Salón do Libro de Pontevedra,  xuntámonos os Clubs de Lectura de Pontevedra, ademais doutros ies dos arredores, para falar de nós e de libros (como non!!). Foi unha mañá ben bonita, chea de historias e moita diversión, que tamén nola quixo achegar o narrador Dani Blanco coa súa obra "Marmuraban as miñas veciñas". Ao final desta convivencia, chegou o esperado concurso Le e Gaña co que recibimos varios lotes de libros como premio.

Nora e Diego foron os encargados de presentarnos ao resto de escolas, falando dos clubs e dalgúns dos libros que cada un leu, coas súas recomendacións incluídas. E Nico é o responsábel das fotos tan profesionais que podedes ver na nosa galería sobre o musical. Felicidades e agradecementos a todas e todos vós!

Tras un breve descansiño para merendar, puidemos asistir ao musical Les miseràbles, que escenificou o IES Illa de Ons. Unha posta en escena magnfífica e cun grande traballo detrás. Parabéns a esta escola!

Podedes ver a mostra do ben que o pasamos premendo aquí

Até o próximo encontro, amiguiñas e amiguiños! 👋👋

martes, 11 de marzo de 2025

Penúltima sesión de Petiscos de arte: Pablo Picasso

Hoxe, trala lectura de ¡Mira qué artista! Pablo Picasso, de Patricia Geis (Editorial Combel), o alumnado do club de lectura Petiscos de arte estivo a traballar cos autorretratos e retratos cubistas. Primeiro, fixeron o seu autorretrato empregando un soporte de espello para, a continuación, elaborar un retarato da profesora debuxada desde seis puntos de vista distintos. Aquí vos quedan os resultados de hoxe:










Agardámosvos na próxima sesión, o martes, 8 de abril, para un novo petisco de arte!


martes, 18 de febreiro de 2025

Jackson Pollock no club de lectura Petiscos de arte

Esta tarde o alumnado participante no Club de lectura Petiscos de arte traballou a figura de Jackson Pollock, a través do texto e as imaxes de Fausto Gilberti (Ed. Phaidon). Velaquí as imaxes da xornada!