Algo está a pasar no IES que andan as aulas revolucionadas. O próximo 22 de abril teremos a visita de Iñaki Zubizarreta Tellería, protagonista de Subnormal. Una historia de acoso escolar (Dibbuks). En todas as clases (de 1º ESO a 1º Bacharelato) estamos a ler a obra e preparando o encontro. Ademáis, o alumnado de 2º ESO visitará o vindeiro 4 de abril o Salón do libro de Pontevedra para ter unha charla cos ilustradores desta BD (Fernando Llor e Miguel Porto). Intentaremos conseguir que, entre tod@s, poidamos facer do noso centro un lugar mellor!
Biblioteca IES Xunqueira II
Blog da Biblioteca e os Clubs de lectura do IES Xunqueira II
venres, 28 de marzo de 2025
Radio Xunqueira: un fervedoiro
Na mañá de hoxe a radio da Biblioteca foi un fervedoiro.
Empezou a traballar o alumnado de 4º ESO que, dirixido pola profesora María Bravo do Departamento de inglés, está a ensaiar os seus podcast en lingua inglesa, desenvolvendo así tanto as súas destrezas na escrita como na oralidade.
Despois foi o turno do alumnado de 2º ESO, que participará, coordinado polo Departamento de Lingua castelá, no concurso de Radio Pontevedra - Cadena Ser José Hermida, cun podcast no que decidiron imitar a linguaxe e seccións radiofónicas da radio da nosa cidade traballando diversos xéneros periodísticos (noticias, entrevistas e crónicas) e a edición de audio.
Charlas sobre Animais extraordinarios na biblioteca: Xulio Gutiérrez
Na mañá de hoxe o alumnado do centro tivo a oportunidade de escoitar, un ano máis, a Xulio Gutiérrez, autor da colección Animais extraordinarios publicada por Kalandraka e grazas ao Departamento de Bioloxía e Xeoloxía. Xulio falounos sobre curiosidades zoolóxicas e tamén sobre o proceso de documentación e ilustración dos libros, realizada por Nicolás Fernández. Estes libros, Ollos, Bocas, Ocultos, Nacer, Construtores e Viaxeiros, que xa se convertiron en obras imprescindibles da divulgación científica en galego, están dispoñibles na nosa biblioteca. É sempre un pracer escoitarte, Xulio!
xoves, 27 de marzo de 2025
Salón do libro 2025
Xa comezou o Salón do Libro, en Pontevedra. Nesta nova edición, o país convidado é Francia, achegándonos principalmente ao mundo do cinema e dos libros.
E entre as propostas presentadas, coñecer á autora Consuelo Vercher (francesa hoxe galega) a través dunha conversa ao redor do seu libro Charlotte. E quen tivo o pracer de coñecela e compartir unha horas matutinas con ela foi o grupo de francés de 2ºBacharaleto, quen saíu contento e sorprendido pola cercanía da escritora.
Grazas ao Salón e, en especial, a Consuelo Vercher.