martes, 14 de decembro de 2010

Unha longa viaxe

Semella fóra de lugar falar da transmisión textual nunha época na que a reprodución de textos e imaxes é un xogo de nenos. Pero non sempre foi así de doado. Houbo un tempo no que só a copia manual permitiu que un legado cultural como o clásico e o altomedieval traspasase os séculos e chegase ata a imprenta. A partir de aí xa foi outro cantar.
            Ata entón os libros escaseaban, facíanse lecturas públicas e ter un libro “para min só” era extravagante. Por iso aquel rapaz púxose a berrar pola rúa porque vira a un home (¿S. Agustín ou S. Isidoro?, non me lembro) lendo na soidade da súa casa.
Unhas veces a ignorancia, outras, o prexuízo contra o pagán, outras, a escaseza do soporte para a escritura (o pergamiño era caro e o papel non se coñeceu como tal en Europa ata o século XIV) condenaron a textos clásicos a desaparecer baixo unha capa de verniz, ou por un raspado, para poder escribir por encima. Estes textos coñécense como “palimpsestos” (palim, ‘de novo’ + psao, ‘borrar’). O tratado de Cicerón Sobre a República está “debaixo” do Comentario aos Salmos, de S. Agustín (á esquerda).
 
Aquí podemos ver o aspecto orixinal dun texto medieval (arriba), debaixo do que se atopaba unha obra de Arquímedes, visible despois de aplicarlle técnicas actuais (abaixo).

O Renacemento e o século XVIII foron os momentos que rexistraron o comezo do interese por rescatar eses textos soterrados, aínda que foi no século XX cando os métodos fotográficos e os raios ultra-violetas produciron resultados satisfactorios, sen danar os orixinais.
Había, pola contra, lugares nos que se realizaba un intenso traballo de copia de obras clásicas e medievais. Tratábase dun traballo artesanal, coas imperfeccións que iso supón, que dou lugar a un axioma, reflexo das vicisitudes da longa viaxe a través dos séculos: “Toda copia ten, alomenos, unha diferencia respecto do seu modelo” (que pode, á súa vez, ser copia doutro,… e así ata o orixinal).

Queda moi ben recollido o traballo dos copistas na película sobre a novela “El nombre de la rosa”, de Umberto Eco. Vellos, e miopes, monxes que á luz dunha candea, cansados ó remate dun longo día de traballo e oración, e somnolentos por térense erguido a cantar maitines antes do amencer, adican as últimas horas da xornada a copiar textos que ás veces seica nin entenden, porque están escritos con abreviaturas e signos de non moi clara interpretación.
 

Non hai, por suposto, ningún orixinal de época clásica. As copias máis antigas de obras tan emblemáticas como a Guerra Civil, de César, ou As metamorfoses, de Ovidio son dos séculos X ou XI. 

Dispoñer, para a súa edición,  dun “modesto” orixinal do século XIII, (imaxe dereita) sabendo que non hai intermediarios nin erros que non sexan do autor, é un privilexio. E se o que conta viña de acontecer xusto antes de que el o redactase, dálle a un a sensación de que viaxa no tempo ata ese momento, que fala co autor e contempla os feitos. E se, por riba, fala do Camiño de Santiago…

O que non podemos esquecer é que a transmisión textual manual e a labor dos copistas, con todas as súas imperfeccións, constitúen para nós unha parte importante da cultura que está na base da nosa forma de ser e de pensar.  

A viaxe polo tempo non se fixo sen problemas e nel deixáronse anacos que nos empecen coñecer hoxe en día o estado orixinal de calquera texto escrito antes de Gutenberg.

          

1 comentario:

O Segrel do Penedo dixo...

Benvidos á blogosfera. Bibliototem xa forma parte do Planetakis das Bibes de Secundaria.
Apertas dende Fene