xoves, 4 de xuño de 2026

Traballando na biblio coas actividades do proxecto do PFPP

Estes últimos días andivemos a traballar nas propostas deseñadas no PFPP da Biblioteca sobre romper estereotipos sobre as persoas migrantes e aquí vos quedan algunhas imaxes!









xoves, 28 de maio de 2026

Procurando sesgos nos titulares de prensa






Dentro das actividades deseñadas no noso PFPP, o profesorado de lingua castelá estivo traballando a súa proposta a partir da lectura de Nómades. A actividade consistiu en analizar sesgos nos titulares de prensa, que condicionan moito a nosa visión do mundo. Velaquí algunhas das imaxes da xornada.

Ademáis, o alumnado compuxo textos poéticos sobre o tema das migracións a partir da obra escollida:




Andaina musical con Fundación Legar





O alumnado de 3 ESO gozou esta mañá dun roteiro musicado con @Fundacionlegar, organizado por Biblioteca e o Departamento de música. Aprendemos sobre instrumentos tradicionais, música de raíz, etnografía e convivencia, nun día solleiro que foi unha marabilla. Grazas por esta xornada!

xoves, 21 de maio de 2026

 

O club de lectura de Narrativa Galega tivo o privilexio de compartir un encontro con Inma López Silva para conversar sobre a súa novela Escola de mulleres, unha obra que deu lugar a un intenso e enriquecedor debate entre as persoas participantes.

 

A autora mostrouse moi próxima e accesíbel durante toda a sesión, respondendo con detalle a todas as preguntas e aclarando os pormenores da novela. As súas explicacións permitíronnos comprender mellor as motivacións da protagonista, as decisións que marcan o seu percorrido vital e o proceso creativo que hai detrás da historia.

Foi especialmente interesante coñecer as razóns que levaron a López Silva a situar a protagonista no mundo da prostitución, unha escolla plenamente consciente e ao servizo da reflexión que a novela propón sobre a sociedade contemporánea. A autora explicou como este contexto lle permitía abordar cuestións complexas relacionadas co poder, a liberdade, o desexo, a identidade e as contradicións que atravesan a vida das mulleres.

 
Escola de mulleres preséntase como unha novela moi ben escrita, culta e intelixente, na que conviven a reflexión filosófica, a riqueza literaria e unha fonda crítica social. A través da súa protagonista, a autora interpela o lector sobre cuestións como o peso do patriarcado, a saúde mental, as relacións de poder e as dinámicas que se estabelecen no ámbito universitario, ofrecendo unha mirada incisiva e ao tempo chea de matices.

A sinceridade e a cercanía de Inma López Silva converteron este encontro nunha experiencia especialmente gratificante para o noso club de lectura. As súas explicacións permitíronnos redescubrir a novela desde novas perspectivas e confirmar a riqueza dunha obra que convida á reflexión e ao debate moito máis alá da súa última páxina.

Queremos agradecer á autora a súa dispoñibilidade, a xenerosidade coas súas respostas e o tempo compartido connosco. Foi un encontro inesquecíbel que completou dunha maneira excepcional a lectura de Escola de mulleres.


 

martes, 12 de maio de 2026

Aprendendo as partes dun libro

Durante estes días andivemos construíndo libros e aprendendo a denominación das súas partes: lombo, cuberta, contracuberta, gardas... e quedaron ben chulos! Nada mellor que aprender facendo!



luns, 11 de maio de 2026