Amosando publicacións coa etiqueta Encontros plambe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros plambe. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de abril de 2014

Máis ciencia, máis cerca

Os días 27 e 28 de marzo de 2014 tiveron lugar en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013/2014.
Alí estiveron expertos en biblioteca como Inés Miret ou Luis Miguel Cencerrado; investigadores en cultura e tecnoloxía, como Antonio Rodríguez de las Heras; científicos como Jorge Mira.
Algúns dos centros que estamos integrados neste Plan fomos invitados para expoñer as experiencias relacionadas coa ciencia que levamos a cabo nas bibliotecas escolares. A nosa intervención titulouse máis ciencia, máis cerca. Se premedes na dirección que está baixo a imaxe podedes ver a presentación.



http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/mod/resource/view.php?id=531

E incluso seguila neste vídeo. Tamén deixamos unha gravación que resume o acontecido nos Encontros e onde aportamos o noso grao de area a prol da ciencia.


Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2013/2014 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

E se queres visualizar calquera das intervencións e presentacións pincha  aquí

martes, 5 de marzo de 2013

Encontros do PLAMBE 2012/2013



Os días 7 e 8 de marzo terán lugar en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, onde se reúnen os profesores que coordinan os equipos de biblioteca dos centros integrados no PLAMBE. Nesta edición farase fincapé, por unha banda, na función das bibliotecas como compensadoras de desigualdades sociais e, por outra, na importancia da alfabetización mediática e informacional.

Estes Encontros son ademais unha excelente ocasión para intercambiar ideas, inquedanzas, materiais, experiencias e mesmo para reencontrarse cós "amigos do plambe", que tamén se fan.

Esta actividade é organizada conxuntamente polo Servizo de Formación do Profesorado (CAFI) e pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Asesoría de bibliotecas escolares), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
 Programa

martes, 12 de abril de 2011

Encontros do plambe



Os días 7 e 8 de Abril tiveron lugar en Santiago os Encontros do plan de mellora de bibliotecas escolares, onde acudimos os responsables de ditas biliotecas. Alí compartimos experiencias, preocupacións e tamén unhas risas na hora da comida e na sobremesa, ou millor,  na "sobreherba". Hai fotos feitas por Loly, que podemos ver no blog O Segrel do Penedo. Aquí vai unha mostra




Este foi o programa. E estes os materiais aos que se pode acceder como convidado.
Parabéns as organizadoras, Cristina e Pilar. 

luns, 11 de abril de 2011

Neira Vilas e os libros

O venres 8 de Abril Xosé Neira Vilas pechou os Encontros do plan de mellora de bibliotecas escolares, que tiveron lugar en Santiago os días 7 e 8.  O autor de Memorias dun neno labrego falou da súa relación cos libros e coa lectura. E coma Balbino, tirou da súa memoria para contar, nun tono distendido e amable, dende o esforzo que tiña que facer para chegar á escola (8 kilómetros de distancia a separaban da súa casa) ata a importante labor que fai a actual Fundación Neira Vilas polo fomento da lectura.
Polo camiño mostrou o seu interese por difundir o libro galego por toda América, que lle levou a fundar en Arxentina, xunto coa súa compañeira Anisia, unha distribuidora, Follas Novas. Confesou que emigrou a Arxentina "en certo sentido, para achegarse aos libros". En Cuba foi redactor da revista infantil Zunzún, da que mostrou entusiasmado un volume. Lembrou anécdotas que nos fixeron rir e tamén emocionar.
Neira Vilas comezou dicindo que non sabía moi ben que facía el nos Encontros. Seguramente o sabía e nós tamén. Dende a súa infancia tivo unha relación moi estreita cos libros e coas bibliotecas. A sede da súa Fundación atópase na casa onde naceu, onde descubreu a escrita e onde agochaba libros baixo as tellas. Herdouna dos seus pais e doouna xenerosamenta á Xunta de Galicia coa única condición de que fose utilizada como bilioteca pública. E así é. Ten 230 usuarios rexistrados e a ela acoden lectores de todas as idades dende unha distancia de ata dez quilómetros.