Amosando publicacións coa etiqueta igualdade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta igualdade. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de marzo de 2025

A orixe do 8M

O 8 de marzo celebramos o "Día internacional da muller" para reclamar a redución da desigualdade de xénero. Celébrase nesta data porque coincidiu coa manifestación de 1917 das traballadoras textís durante a Revolución rusa, que esixían nos seus cánticos "pan e rosas", é dicir, traballar para ter un salario e facelo en condicións dignas. 


O lema foi recollido dun poema de James Oppenheimer de 1911:

"As nosas vidas non serán explotadas desde o nacemento ata a morte.

Os corazóns padecen fame, igual que os corpos.

Pan e rosas! pan e rosas!"

Por todo o que aínda queda por facer por unha igualdade de xénero real arredor deste noso mundo, seguiremos berrando "Pan e rosas!"


Fontes:

AMSAFE

CtXt

Ministerio de igualdade

xoves, 6 de febreiro de 2025

Materiais 11 de febreiro. Día da muller e a nena na ciencia.


Con motivo do Día internacional da muller e a nena na ciencia, deixamos algúns enlaces de materiais que poder resultar de interese, e as imaxes dos libros da biblioteca con historias que poden servir de inspiración para moitas científicas (e científicos tamén) do futuro!

Mujeres con ciencia  Mulleres de portada  Cómic Científicas  Vídeo Científicas  Oceánicas








xoves, 14 de marzo de 2024

Encontro con María Reimóndez


Hoxe o Club de Lectura de Igualdade tivo a oportunidade de conversar con María Reimóndez sobre a súa novela Furia. Xurdiron moitas reflexións sobre a presenza da muller nos deportes de contacto e as dificultades que atopan as rapazas na práctica de actividades esencialmente masculinizadas como o boxeo, o judo, o taekwondo e mesmo a hípica (como comentaba unha compañeira). Falouse tamén da importancia dos afectos en etapas de crises persoais e o esencial que é ter un obxectivo claro na vida que nos sirva de impulso e guía no noso percorrido vital. Tamén abordou a constancia como compañeira indispensable para acadar os nosos soños e, por suposto, a diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero. Ramatou o encontro asinando os libros que lle levamos e dándolles consellos ás escritoras noveles do noso club. Foi un luxo poder compartir ese tempo coa autora dun libro que gustou tanto





venres, 8 de marzo de 2024

8M- Reivindicando a igualdade

Con motivo do 8M o equipo de biblioteca organizou un photocall para reivindicar a igualdade os 365 días do ano!











martes, 5 de marzo de 2024

Encontro con Carlos Negro

Hoxe o Club de Lectura de Igualdade tivo a oportunidade de conversar con Carlos Negro sobre o seu poemario Penúltimas tendencias. O alumnado reflexionou con el sobre que é a poesía e cal é a súa finalidade. Escoitárono recitar poemas doutros autores e autoras para amosar as distintas temáticas que pode tratar un poema e as distintas formas que pode adquirir. Finalmente, abordou os seus poemas de Penúltimas tendencias e con eles os estereotipos de xénero que teriamos que cuestionar, as ideas nocivas do que ten que ser o amor, tal e como nolo venden en películas, revistas, novelas... E para rematar deu resposta a tódalas preguntas que se lle formularon. 


Foi un encontro ben exitoso, do que desfrutamos moito e no que aprendemos a saborear os versos como se saborean as onzas de chocolate que compartiu con todos nós. E todo no marco do Salón do Libro de Pontevedra, que nos brindou esta marabillosa oportunidade.



Semana do 8M

Aquí vos deixamos as recomendacións lectoras relacionadas co feminismo e o 8M seleccionadas pola biblioteca. Gozade da lectura!











mércores, 28 de febreiro de 2024

Encontro con Eva Mejuto

Hoxe o alumnado de 1.º e 2.º de ESO do Club de lectura de Igualdade tivo a oportunidade de conversar con Eva Mejuto da súa obra 22 segundos. Unha vez presentada a autora, o grupo mantivo un animado diálogo con ela no que xurdiron preguntas moi interesantes e grazas ao que descubriron como foi creada a novela, o proceso de investigación necesario previo á súa redacción, a importancia de dar visibilidade a diversidade para fomentar a comprensión doutras realidades e tamén algunha que outra curiosidade sobre o proceso de edición. Unha hora de encontro moi ben aproveitada! Moitísimas grazas a Eva Mejuto polo tempo dedicado e polos doces cos que nos agasallou!

 



xoves, 30 de novembro de 2023

CLUB DE LECTURA DE IGUALDADE: O AMOR NON DEBE DOER (DESMONTANDO OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO)

Na reunión desta semana rematamos os libros do club de igualdade do mes de novembro e resultaron ben proveitosos.  

 

1.º e 2.º ESO leron Esto no es amor, de Marina Marroquí, e o alumnado manifestou que lles encantaran os retos que lles propuxo a autora para ir desmontando os mitos do amor romántico (disque están por todos os lados: películas, series, cancións...), os estereotipos de xénero nas relacións e como poden levar a situacións de abuso, a diversidade sexo-afectiva e moitas outras cuestións. Desde logo, saímos sabendo máis e tendo as cousiñas un pouco máis claras sobre estes aspectos.

 

3.º, 4.º e 1.º Bach. leron, Si es amor, no duele, unha obra testemuño de
Pamela Palenciano
sobre as relacións de abuso na adolescencia. O caso é que as rapazas comentaron que lles resultara duro de ler e que xerara certa incomodidade. Cando analizamos esas sensacións chegamos á conclusión de que se debía ao feito de que esa situación lle podía acontecer a calquera delas ou a calquera muller nunha situación de vulnerabilidade, e que daba medo. Tamén analizamos cal podería ser o xeito correcto de actuar no caso de que lle acontecese a unha amiga, e non parecía ser unha opción deixala de lado, tal e como acontecía no libro coa protragonista. O certo é que a pesar da incomodidade, xerou moita reflexión e autoanálise e a convicción de que hai que estar atentas a certos sinais de alarma nas relacións. Concluimos, pois, que o trago acedo pagara a pena.

 

Que marabilla estar con eles e elas e ter a oportunidade de escoitar as súas opinións e reflexións!

 

Continuamos no mes de decembro cunha obra de Nando López.